martes, 29 de septiembre de 2020

UN HORTO E ÁRBORES NO PATIO

O noso patio está paseniñamente cambiando. Neste verán habilitouse un horto no patio e pronto plantaremos nel.
Ademais do horto plantáronse árbores variadas: liquidambar, potinias, liriodendron, jacaranda, albizia, ginko biloba e moreira.

lunes, 21 de septiembre de 2020

TOMA TOMATE

No invernadeiro déronse ben os tomates, que neste verán están dando froito para dar e tomar.
Os pequechos e pequechas de 4 anos B mesmo levaron cadanseu tomate e inda queda moito tomate para dar.

TEMPO DE VENDIMA

Estamos nuns días de moito choio nestas terras vinícolas do Salnés. A vendima centra o quefacer da meirande parte da poboación da contorna e o tempo atmosférico acompaña: quenta e enmornece as uvas polo día, e refría conservando o prezado froito pola noite.
Acios de uvas albariñas, catalanas, tintas...pasan da viña ós capachos ou caixas. Familias enteiras e grupos de vendimadores afánanse nun dos traballos do campo que ten garantía xeracional. Vemos aquí a Andrés, que ademais de vendimar uvas pa boca, apaña algunhas uvas para o capacho.
Ademais de levar sorpresas nos viñedos (atopar niños, observar insectos,etc) os nenos/as adéntranse na tradiciónal costume de facer viño, ofrecéndolles un mundo de sensacións observables e inesquecibles coma a preparación da fustalla, o pisar as uvas no barril, darlle pedra á prensa, o arrecendo do mosto... Compartide as vosas experiencias.

CABACIÑAS PEREGRINAS

Xermináronse unhas sementes de lagenaria siceraria, que é a típica cabaza que portan os peregrinos nas rutas xacobeas.
Axiña medraron fermosas plantas con flores de doce arrecendo que ó murchar aparecían as cabaciñas.
Unhas foron coidadas polo alumnado coma esta plantiña de Carla.
Ollade a colleita de Ana.
Outras foron plantadas no colexio e abraia o rápido que trepan polos reixados do horto do colexio.
O vindeiro ano 2021 é ano xacobeo e esperamos ter unha boa colleita de cabazas que motiven o saber apreciar tradicións e coñecer algo tan noso como é o camiño a Santiago e rutas de sendeirismo próximas.

PLANTIÑAS ORNAMENTAIS

Sementáronse no invernadeiro antes do confinamento e tamén nunha horta particular.
A finais de agosto recolléronse as flores para secar a semente e gardar.

RATI NAS ONDAS: ESPECIAL RECICLAXE

Neste programa radiofónico temos unha boa mostra do bo facer do alumnado sobre reciclaxe. Non perdamos detalle e escoitemos.